Yacimiento Arqueológico Celtibérico y Romano
Buscar en Tiermes

OTRAS LENGUAS

ENLACES PATROCINADOS
Proyectos LIFE de la Comisión Europea
Hotel Restaurante Termes
Casa de la Abuela
FEAM Revista
Iberkeltia
Soria y Más...
Hispania Nostra
ayllon
SHORT GUIDE TO TIERMES 2009
NUEVA GUIA DE TIERMES 2009
Castillos de Soria
Tienda LIFE Tiermes
ASTROTIERMES2010
Numancia
Celtiberia soriana
Celtiberia histórica
ASTRONOMÍA
MAPA CELESTE /EVENING SKY
Planeta Sapiens
VIDEO Tiermes: el corazón de Celtiberia
Historia Digital
Best Life Projects 2008
Soria Goig

ENLACES INTERNET
Agencia para la difusión de ciencia y tecnología
ARGE Archaeological Resource Guide of Europe
Arquehistoria: web de noticias arqueológicas
Arqueohispania : mejor web español de arqueología
Centro de información y documentación del CSIC
Google: el mejor buscador de la red
Historia Digital: revista de historia y cultura
Links de Historia-Arqueología (Cervantes Virtual)
Proyecto Life Tiermes 2003-2006 : web oficial
Turismo Rural en Soria


  Introducción
 
 

TIERMES, cidade rupestre celtibérico-romana:
Apuntamentos sobre o xacemento e a súa historia

Introdución

Dentro da diversidade de restos arqueolóxicos da Península Ibérica, é de destacar o xacemento arqueolóxico de Tiermes, en Montejo de Tiermes, Soria (Comunidade Autónoma de Castela e León, España). A mediados dos anos 1930, o arqueólogo español Blas Taracena realiza escavacións sistemáticas no xacemento e denomina a Tiermes “a Pompeia española”.

Máis alá de fáciles tópicos, o certo é que os restos do antigo oppidum celtibérico e da cidade romana son un dos xacementos arqueolóxicos máis interesantes tanto para o investigador como para o visitante.

Portas, fiestras, escaleiras, casas, rúas, vías,... Os restos da cidade de Tiermes persistiron durante séculos por estaren parcialmente tallados na rocha arenisca.

Se ademais engadimos os metros de sedimento e escombro acumulados, todo iso permitiu que numerosas estruturas urbanas perduraran 20 séculos, e hoxe podemos empezar a coñecelas.

Por outra parte, a luz e a natureza agreste da Serra Pela engaden un marco de soidade permanente a unha cidade perdida na metade dos páramos sorianos, entre barrancos e veigas sobrevoados por voitres.

Desde os anos 1960 as escavacións de Ortego y Zozaya e, desde 1975 a 1998, os traballos sistemáticos de Jose Luis Argente Oliver, comezaron a sacar á luz unha parte importante do xacemento, que desde o ano 2001 vén sendo estudado por Santiago Martínez Caballero, Director das escavacións de Tiermes auspiciadas pola Xunta de Castela e León coa colaboración económica da Asociación de Amigos do Museo de Tiermes e o apoio persoal dos seus socios.

En setembro de 2003 a Comisión Europea aprobou o Proxecto LIFE TIERMES 2003-2006, dirixido por Santiago Martínez Caballero que está a desenvolver estratexias de investigación, preservación e posta en valor do xacemento arqueolóxico de Tiermes e do seu entorno.

Datos históricos sobre Tiermes

As primeiras noticias históricas referidas a Tiermes atopámolas en fontes clásicas, aínda que estas son escasas e pouco explícitas; son ademais bastante posteriores ós feitos comentados.

Así, Ptolomeo inclúe a Tiermes entre as cidades arévacas. Pola súa banda, Apiano indica que era unha das poboacións importantes nas guerras celtibéricas (153-133 a.C.) e afirma que no 98 a.C. o cónsul Tito Didio someteu a cidade e obrigou ós seus habitantes a trasladárense á chaira, prohibíndolles amuralla-lo emprazamento.

Con estes escasos datos, xunto a outras informacións que nos proporcionan Diodoro de Sicilia, Posidonio, Tito Livio, Tácito, Plinio e outros, pódese encadrar a Tiermes como cidade arévaca enfrontada a Roma dentro do contexto histórico xeral da conquista e romanización da Celtiberia en Hispania.

Ó pacificarse a Meseta a mediados do século I a.C., Tiermes quedou adscrita ó Convento Xurídico de Clunia. A cidade foi gañando en importancia ata converterse en municipio romano (Termes) nalgún momento do século I d.C., quizais baixo os Xulio-Claudios. O esplendor urbano de Tiermes estendeuse durante o alto imperio, como testemuñan as construcións que perduraron dos seus edificios públicos (Foro, Macellum, Acuedutos, o chamado Castellum Aquae, Termas...)

Ó chega-la crise do século III a cidade rodeouse de murallas e reduciu o seu perímetro; durante o baixo imperio a cidade mantivo unha certa actividade, e cara o século VI ou VII parte do seu recinto foi centro dun asentamento visigodo, como testemuñan os enterramentos deste período achados no Foro, entón xa abandonado, e os restos dun edificio de culto da época do que aparecen fragmentos decorativos reutilizados.

Coa invasión islámica, Tiermes debeu ser zona de fronteira entre cristiáns e musulmáns no alto Douro, insegura e pouco poboada.

A partir do século XII d.C. e trala definitiva reconquista da zona, Tiermes non logrou recuperar o seu anterior papel de capital da área ó sur do Douro. Tiermes perdeu toda a súa importancia, chegando a ser unha simple aldea, con igrexa e mosteiro, supeditada ó núcleo importante de poboación da zona, a vila de Caracena.

Desde comezos do século XVI a igrexa de Tiermes converteuse en Ermida, asentándose a poboación residual noutros núcleos de maior interese agrícola e gandeiro.

A única capitalidade que conservou a antiga Tiermes foi a relixiosa, sendo a súa ermida lugar principal de culto da área e celebrándose cada ano e ata a actualidade dúas romarías en maio e outubro dedicadas a Nosa Señora de Tiermes (imaxe románica orixinal no Museo Catedralicio de El Burgo de Osma).

Investigacións sobre Tiermes

Eruditos e historiadores ata o século XIX.

As investigacións sobre o sitio celtibero e romano de Tiermes non empezan a efectuarse de maneira científica ata a presenza no xacemento de Nicolás Rabal, no 1888. Non obstante, entre o final do século XV, momento no que se coñecen os últimos datos sobre poboación vivindo en Tiermes, ata o final do XIX diferentes autores, en estudos de distinta índole (erudito, artístico, estatístico, demográfico, enciclopédico) aluden á presenza no lugar das ruínas dunha importante poboación que identifican inmediatamente coa Termes das fontes clásicas (Tito Livio, Apiano, Diodoro Sículo, Floro, Salustio, Tácito, Ptolomeo, Plinio, Nonnio Marcello), cidade indíxena conquistada no 98 a. C. polo cónsul Tito Didio e convertida logo en municipio romano.

Estes autores (Ambrosio de Morales, Mariana, Flórez, Madoz, Loperráez, Lafuente, Masdeu, Ceán Bermúdez, Cortés y López, etc.) vinculan a presenza de impoñentes ruínas á existencia da antiga cidade romana, da que entón eran visibles algunhas edificacións, asentada sobre a antiga poboación conquistada por Roma.

Non obstante, e ó mesmo tempo, o lugar séguese a utilizar como zona de extracción de materiais para a construción das poboacións da comarca (Montejo, Liceras, Carrascosa, Retortillo, etc.), xurdidas durante a Idade Media, que levaron ó espolio de Tiermes ata finais do século XIX. Por exemplo, o descubrimento das trullae (cazos) de prata no 1885 xunto ós restos da muralla baixoimperial (e que hoxe en día se atopan na Hispanic Society of America, New York) ocasionou unha “desenfreada caza do tesouro” por parte da poboación local, co conseguinte deterioro do sitio. Mesmo restos arqueolóxicos importantes foron fragmentados para reutilizalos como materiais construtivos (coma o epígrafe funerario de Pompeio Placido, hoxe na fachada dunha casa de Carrascosa).

Século XIX-1930.

Co importante historiador, escritor e erudito soriano Nicolás Rabal podemos sinala-lo inicio da investigación científica sobre Tiermes. Trala viaxe que realiza ó lugar en 1887, efectúa unha primeira descrición do lugar, aporta datos xeográficos, urbanísticos, topográficos, e a diferenciación entre unha poboación celtibérica e unha romana. É o punto de partida para que a principios do século XX se inicien as primeiras intervencións directas no xacemento.

Tras unha campaña realizada polo Conde Romanones en 1909, co fin de sacar á luz os restos de edificacións da zona do Foro e nas termas, mediante escavacións con escasa base científica e máis con carácter exploratorio, encárgaselle a Narciso Sentenach en 1910 e 1911 o inicio dunha intervención máis ampla no xacemento. Actúa no Foro (área do templo imperial), e comezan a ve-la luz restos de grandes edificios, os seus elementos construtivos (columnas, arquitrabes, etc...), mesmo interesantes materiais, como esculturas en bronce (dignatario local, estatua ecuestre, Apolo,...) que afirman a este investigador na constatación da importancia histórica e arqueolóxica da antiga Termes. Nas súas publicacións insístese nun carácter descritivo e tamén interpretativo das ruínas, ampliando os apuntamentos históricos e a preocupación sobre a identificación e diferenciación entre elementos indíxenas e os propiamente romanos.

Ignacio Calvo en 1913 continúa as escavacións na mesma zona, ampliando o coñecemento arqueolóxico, e xa interesándose con maior profundidade na fase medieval do xacemento. Os materiais procedentes das escavacións de Romanones, Sentenach e Calvo foron a parar ó Museo Arqueolóxico Nacional, onde hoxe en día se expoñen en parte.

Tiermes é motivo de atención tamén neste intre de Schulten, quen estaba investigando en Numancia; se ben o arqueólogo alemán nunca escava en Tiermes, si o visita e na súa obra analiza e interpreta o desenvolvemento histórico e os restos arqueolóxicos termestinos.

1930-1970

Con Blas Taracena, entón director do Museo Numantino, iníciase unha nova etapa de investigacións, posto que efectúa unha labor de síntese con maior base científica, propiamente arqueolóxica, e inicia un estudo sistemático do lugar. Efectúa diferentes escavacións en Tiermes, nos anos 30 e 40, e dos seus resultados extrae novas conclusións sobre as fases evolutivas da cidade, sobre a distribución urbanística e características dos principais edificios, apuntando, por primeira vez, a peculiaridade da técnica rupestre utilizada no deseño e execución de numerosas construcións celtibéricas e romanas.

A orixinalidade e monumentalidade da Arquitectura rupestre e a súa extraordinaria conservación en altura en numerosos edificios de Tiermes levan a denomina-la cidade como a “Pompeia española”. Taracena tamén recompila informacións e opinións ata o momento de outros autores, e interésase tamén polo territorio, como elemento clave para a comprensión do desenvolvemento histórico da cidade.

Xa nos anos 60 o arqueólogo soriano Teógenes Ortego continúa as escavacións, ampliando o coñecemento de Tiermes, e aportando novos datos para a interpretación do seu desenvolvemento. Será o primeiro autor que publique unha Guía do xacemento. Durante os anos 1940-1970 autores como D´Ors, Nieto ou García y Bellido interésanse por elementos particulares de Tiermes. As súas publicacións proxectan o xacemento na investigación arqueolóxica nacional.

1975-2004

A partires dos anos 70 as intervencións en Tiermes están definidas pola aplicación dunha metodoloxía arqueolóxica acorde coas novas liñas de actuación desta disciplina en España, e que nestes intres se están a desenvolver en función da renovación que se está a producir na Arqueoloxía europea a raíz das novas correntes de pensamento e metodolóxicas, principalmente anglosaxonas e italianas.

Primeiro, coa escavación puntual de Juan Zozaya na área do Foro en 1971, e xa máis directamente co proxecto sistemático iniciado a partires de 1975 para a cidade romana con José Luis Argente Oliver, e para o asentamento medieval, con Carlos de la Casa e outros investigadores. Os diferentes traballos e memorias xurdidos desta nova etapa suporán unha renovación completa do coñecemento de Tiermes, tanto pola exploración de amplas zonas arqueolóxicas, como pola interpretación do desenvolvemento e evolución de Tiermes entre a Idade de Bronce e a etapa medieval.

José Luis Argente Oliver dirixirá os traballos arqueolóxicos en Tiermes, primeiro con outros arqueólogos que traballan en diferentes zonas do xacemento, logo en solitario, ata a súa prematura morte, en 1998, a través dun proxecto sistemático de intervención no xacemento, que xa se ve acompañado polo interese en amosar ó gran público os resultados dos mesmos, tanto a través de numerosas publicacións como mediante a posta en valor dos conxuntos arquitectónicos que pouco a pouco van saíndo á luz.

O esforzo de Argente ten un punto de inflexión a partir de 1986, cando as administracións, coñecedoras do traballo que se está a desenvolver e da importancia arqueolóxica e monumental de Tiermes, constrúen os edificios do Museo Monográfico de Tiermes como elemento chave para a difusión no propio lugar, e como infraestrutura necesaria para os traballos que se viñan desenvolvendo. Iso converte a Tiermes nun dos sitios arqueolóxicos españois dotados con mellores infraestruturas para apoiar os traballos de investigación, protección e difusión, labores que explican a actividade de calquera enclave arqueolóxico activo. Grande parte das estruturas arqueolóxicas que actualmente son visibles e, na súa meirande parte, visitables polo público, son o resultado do esforzo deste incansable investigador que tanto fixo pola promoción da provincia de Soria desde a atalaia do Museo Numantino, e polo enriquecemento cultural dos seus habitantes como resultado dos seus traballos: o Acueduto, o Foro, as murallas, a Casa do Acueduto, o Conxunto rupestre do Sur, a bancada rupestre, as rúas da cidade, etc, foron o obxecto das súas múltiples atencións.

Nos anos 70 e 80, xunto a Argente traballa Carlos de la Casa, quen dirixe as escavacións do asentamento medieval, con intervencións na necrópole xunto á ermida, e os seus resultados empezan a incluír Tiermes tamén na bibliografía arqueolóxica medieval española. Ata entón apenas se lle dera importancia, a pesares da impoñente presenza no centro do xacemento arqueolóxico da ermida románica do século XII, testemuña da conversión de Tiermes na Idade Media nunha pequena aldea dependente da vila de Caracena. Tamén destacan no estudo da Tiermes medieval os traballos de Manuela Doménech, na necrópole rupestre do río, e do agora director do Museo Numantino Elías Terés, no asentamento medieval xunto á ermida.

Naqueles intres Tiermes tamén viu a presenza de traballos puntuais de escavación levados a cabo por outros investigadores, como Alfredo Jimeno (1975-1976) interesado nas fases prerromanas na zona central do xacemento; do profesor da Universidade Complutense de Madrid Víctor Fernández (1979-1980), na muralla, de José María Izquierdo (1981-1984), no templo do Foro, ou a terminación da escavación de Argente tralo seu pasamento por E. Dohijo e J. Morales (1999).

Tiermes, hoxe

O soporte administrativo actual da investigación en Tiermes fundaméntase xa nas directrices marcadas pola administración competente en materia de Patrimonio, a Xunta de Castela e León, na propia declaración de Ben de Interese Cultural do sitio en 1994, co que iso supón para a relación investigación/protección e o punto de partida que sinalou en 1996 a aprobación do Plan Director do Xacemento como plan a longo prazo no xacemento.

En canto á actual investigación arqueolóxica, dirixida por Santiago Martínez Caballero, e formando parte das actuacións do Proxecto LIFE Tiermes, e de acordo coas directrices da Xunta de Castela e León, céntrase en puntos, coma o Foro, onde é necesario clarificar aspectos arqueolóxicos e históricos para levar a cabo primeiro desde a perspectiva da difusión unha renovación na presentación ó público do xacemento, que faga rendibles socialmente as amplas potencialidades do sitio; e segundo, no plano estritamente científico, para revisar e extraer novas conclusións en canto ó desenvolvemento histórico da cidade, do seu territorio, e a complexa relación arqueolóxica dunha cidade celtibera ata a súa conversión nunha monumental cidade romana, unha vez que na actual Arqueoloxía española e europea existen formulacións novas e rexeneradoras en canto á avaliación e interpretación dos datos arqueolóxicos neste contexto histórico-cultural.

O equipo actual, que integra grande parte de colaboradores dos últimos equipos de Argente, con estas perspectivas, pretende aportar outras visións deste xacemento, por suposto cimentadas nos grandes esforzos realizados durante un século por este elenco de investigadores, e apoiadas pola incorporación de novos datos e diferentes formulacións metodolóxicas e epistemolóxicas da arqueoloxía actual.

Escavacións arqueolóxicas en Tiermes 1909-2004

• Conde Romanones: Foro, Termas 1909
• Narciso Sentenach: Foro 1910-1911
• Ignacio Calvo: Foro 1913
• Blas Taracena: Varias zonas Anos 30 - 40
• Teógenes Ortego: Varias zonas Anos 60 - 70
• Juan Zozaya: Foro 1971
• José Luis Argente: Foro, Barrio do Foro, Muralla, Acueduto, Casa do Acueduto, Conxunto rupestre, Bancada rupestre, Necrópole celtibérica de Carratiermes, Necrópole visigoda, 1975-1998
• Carlos de la Casa: Necrópole ermida 1975-1985
• Alfredo Jimeno: Barrio do Foro 1975-1976
• Elías Terés: Asentamento medieval 1981-1982
• Manuela Doménech: Necrópole ermida 1981-1982
• Víctor Fernández: Muralla 1979-1980
• José María Izquierdo: Foro 1981-1984
• Eusebio Gutierrez Dohijo e Javier Rodríguez: Foro 1999
• Santiago Martínez Caballero e Alberto Bescós Casa: acueduto, foro 2000-2001
• Santiago Martínez Caballero e Alberto Bescós: Foro 2002-2003
• Santiago Martínez Caballero (Proxecto LIFE): Foro 2004-(2006)

 


NOTICIA DESTACADA
2012/001 LIFE TIERMES PREOCUPADO POR EL DESCENSO DE RAPACES EN LA ZONA
2012/001 LIFE TIERMES PREOCUPADO POR EL DESCENSO DE RAPACES EN LA ZONA
UN ESTUDIO DE SEO BIRDLIFE Y LA FUNDACIÓN BIODIVERSIDAD SEÑALA QUE EN SOLO CUATRO AÑOS EL NÚMERO DE PAREJAS DE BUITRE LEONADO HA DESCENDIDO UN 30%

ARTÍCULO DESTACADO
Guía resumida 2009 del yacimiento con texto y planos para una visita rápida
Guía resumida 2009 del yacimiento con texto y planos para una visita rápida
El yacimiento arqueológico de Tiermes: accesos, historia, recorrido y alrededores.

(C)2008 Arturo Ignacio Aldecoa Ruiz; AAMT-LIFE Tiermes, C/Alda. Urquijo 82, 1º, 48013 Bilbao. Tel. +34 630559905. asociacion@tiermes.net